‘Voos diarios’ – A canción de Trigo
Nestes días de campaña polos Oscar, anda Guillermo del Toro a dicir que «todos nacemos cunha ou dúas cancións para cantar», e que continuamos repetíndoas ata que, de tanto mallar nelas, acabamos por contar algo sobre nós mesmos. Segundo el, a canción que naceu para cantar e contar é Frankenstein, e por iso recunca a cita polos faladoiros da Academia, non sei se ignorando ou sabendo demasiado ben –dúas expresións opostas e complementarias da cegueira– que ten rodado Frankensteins máis poéticos nas súas achegas laterais ao mito ca esta adaptación presumidamente definitiva, estreada agora coa fachenda de quen aspira a cravar o arpón dos tempos no ollo dunha balea. Tanto ten: del Toro leva razón. Todos nacemos cunha ou dúas cancións dentro e Voos diarios, o último libro de Xosé Manuel G. Trigo, retrousa notas familiares que levan a miña imaxinación á alborada escolar de setembro do 2003.

O último libro de Trigo
Naquelas datas algo fúnebres –o inicio das clases oficializa sempre a morte do verán, porque setembro é o domingo máis longo do calendario– empezaba o meu camiño pola ESO, nese ano bisagra entre os últimos colores da infancia e as primeiras calores da adolescencia. Do carrusel de profesores que se ían presentando, todos eles especialistas da súa cousa –unha cerimonia excitante, pois ata entón os nosos mestres eran navallas suizas do coñecemento–, apareceu unha figura draculina, impoñente pero sinuosa, na hora de Lengua Castellana. A chuleta que nos deran no día da presentación informaba de que se chamaba Trigo. Daquela non o sabiamos, pero era un apelido acaído como porta de entrada á literatura: un apelido que tiña a súa propia luz e seu propio sabor; un apelido que era metáfora en si mesmo, porque basta a súa enunciación para acoxegar a memoria por distintos flancos sensoriais. Trigo tiña un deses andares coreográficos que parecen fechar as portas tras de si; pasaba el e a rexouba da aula neutralizábase nun silencio eclesial. Era un andar escénico: aínda que vestía con camisa e vaqueiros, a todos nos parecía que detrás del ondeaba unha capa aristocrática, a clase de efecto hipnótico que producen os bos actores cando fan seu un escenario. O primeiro en ser consciente do potencial deslumbrador dunha boa presentación era el, e deseguido quixo compartir esa sabeduría con todos nós. En canto chegou ao fondo da aula, deu un deses xiros seus, taconeiros e musicais, e enfiou cara Xavier Sarille, compañeiro que estaba xusto diante de min e que tivera a mala idea de empezar a clase co pupitre baleiro.
—Pon algo aí enriba, non? Aínda que só sexa por coidar un pouco da paisaxe.
Foi a lección inaugural de Trigo. Unha certa ética da paisaxe. Sarille non era o único alumno que esquecera pór un caderno diante. Varios de nós compartiramos con el o atrevemento –Trigo diría «a inverecundia»– de tomar a clase como unha sorte de saúdo xeral para o que non facían falta aínda papeis, mais en canto o novo profesor rosmou a súa apoloxía da paisaxe apresurámonos en tromba a dar por boa a sinécdoque e facernos parte solidaria da bronca, desenfundando con torpeza todo canto había que desenfundar das nosas mochilas. E algo si había que anotar nesa a nosa primeira clase de Lengua Castellana, que foi tamén a nosa primeira clase de Lingua Galega, de Lingua Portuguesa e ata de Latín, pois Trigo exploraba os límites da liberdade de cátedra por todos os regos posibles da orografía escolar, tamén os idiomáticos. O que fixo o mestre nesa mañá, despois de alertarnos da importancia da paisaxe –que non é outra cousa máis que chamar a atención sobre a función expresiva, e non só decorativa, da forma sobre o fondo: isto é, pura literatura– foi achegarse ao encerado e debullar un mapa.

A primeira folla do meu caderno de Lengua en primeiro da ESO
Eu non souben nin tan sequera intuír o moito que me ían cambiar a vida aquel momento e aquel debuxo. «Plano para no perderse en la materia», escribiu Trigo no taboleiro con letra curva e rabecha de amanuense adicado. Era un enorme círculo dividido en dous que resumía a lingua e a literatura toda: o hemisferio esquerda do diagrama estaba reservado para os caixóns gramaticais da Fonética, a Morfoloxía, a Sintaxe e a Semántica, viaxando do mundo dos sons ata o mundo dos sentidos, mentres que no hemisferio dereito iamos da Ubicación (os datos, o espazo, o tempo) ao Estilo (esaoutra balea branca dos escritores: ou polo menos dos escritores que queren escribir), pasando polo Tema e a Estrutura. No interior do círculo máxico, unha T de texto que aínda agora segue latexando nos meus arquivos mentais e físicos: teño enmarcada a folla cos apuntes dese día. Aquel corazón da asignatura en forma de T ocupaba asemade o centro do modelo comunicativo de Jakobson: se había algo que un emisor puidese querer transmitir a un receptor, alí estaba a receita.
Malia que, evidentemente, Trigo non foi o primeiro profesor en esfarelar as distintas ramas da lingüística e a literatura nun encerado, a vontade de sedución que emanou esa súa primeira clase –un deleite case vampírico por contaxiarnos do veleno de ler e de escribir, pero entendendo– prendeu algo dentro de min. A particularidade do plano para non nos perder que Trigo compartiu con eses imberbes de primeiro é que tiña a brúxula hackeada para apuntar sempre ao mesmo lugar. Cada son do caixón da fonética podía resoar no hemisferio contrario, alá no alto, no cumio dourado do estilo, único norte daquelas clases. Dende as unidades máis microscópicas da expresión oral, Trigo era quen de estruturar teorías capaces de rivalizar co mainstream sociolingüístico; velaí a súa vella obsesión por resignificar o arquetipo da «lingua materna» para axeitar unha definición máis poética que fixese xustiza a cualidade nutricia do instinto biolóxico que impulsa as crianzas a estrear o mundo –falado– cunha consonante bilabial, nasal, sonora e refulxente: ma-má, en rima con esoutro instinto biolóxico –o de protección– que leva as nais a falarlles aos fillos na lingua máis acolledora perante as inclemencias da vida. A orixinalidade impertinente do seu argumento era unha invitación a cablear os distintos caixóns daquel plano nada estanco e sempre móbil tirando da lóxica da intuición. Ou sexa, unha invitación a imaxinar na procura de solucións fermosas, aparentes, ás necesidades que todos temos de comunicar algo. Por riba da dogmática gramatical Trigo facía aflorar sempre a matemática musical: con el aprendemos que as palabras engárzanse con sentidiño pero sobre todo con sentidos, especialmente o olfacto e o oído.
Dei moitas horas de clase con Trigo a partir daquela no IES de Ames; foi o meu profesor de Lengua en primeiro, segundo e cuarto da ESO; mais podo dicir con certeza que, en verdade, a clase que recibín foi sempre a mesma: esa. Dá igual que falaramos das palabras lexemáticas e as non lexemáticas, das preguntas que –non– había que lle facer ao verbo para achar o complemento directo ou da diferenza entre escribir como Clarín e escribir como Valle-Inclán, todo atopaba acubillo no «plano para no perderse en la materia» e todas as clases teimaban nas mesmas obsesións, sempre coa brúxula apuntando ao estilo. Velaí que non me sorprenda atopar en Voos diarios iso que o propio Trigo admite ter feito con modestia endiañada: o libro de sempre. «Sempre lle mando ao meu editor as mesmas flores», escribe. Leo esa frase e miro para a edición primorosa que Valdemar editou encofrada de En busca del tiempo perdido, regalo da miña muller hai dous nadais, e penso: «Mira para aí, o mesmo libro de sempre sete veces seguidas». Mallado ao que dicía Guillermo del Toro: “I’ve come to believe that everybody’s born with one or two songs to sing. That’s it, and we keep repeating them and repeating them until we get them sort of right».
Ben mirado, non se pode escribir sempre o mesmo libro, igual que non se pode entrar dúas veces no mesmo río. De feito, se xiramos a ruleta da T de Trigo para atopar a T de Tema deste libriño feiticeiro –volvemos ao plano–, por aí andaría o seu corazón. Non sei se todos os libros teñen Tema –Umbral ríase do que el chamaba «novelistas de asunto»– pero os bos, polo menos, teñen corazón, e a nosa misión como lectores é identificar o seu latexo e cazalo, que para iso estamos. O latexo de Voos diarios bascula entre o que escribe agora Trigo e o que escribía de neno, lembranzas coidadas como flores no xardín da memoria. «Poño diante dos meus ollos unha foto miña na actualidade, que fago aparecer na pantalla do ordenador, e mais outra desas de tamaño carné que salvei de entre as amarelecidas páxinas dun boletín escolar», escribe o diarista. Da interrogación a cada unha desas fotos –que levas visto da vida?, pregúntalle o vello ao neno: «Vin a mamá no río de Reibón lavar roupa branca. Vin a papá vir de cazar con dous coellos pendurados do cinto. Vin ourizos do castiñeiro caídos no chan. Vin un barco do xeito chegar do mar seguido dunha nube de gaivotas. Vin espirse a Pastorita e quedar toda ela de rosa. Non vin máis nada»– nace este libro que é a súa propia cousa ademais de ser o mesmo de sempre (boa literatura).

Unha vista da biblioteca da Escola Naval de Marín
Hai unha última rima que Voos diarios enfía cos meus recordos escolares. No libro, aprendemos que un dos ritos de paso do Trigo mozo foi exercer de gardián/aprendiz na biblioteca da Escola Naval de Marín, en pleno servizo militar. Eu coñecín tamén a un Trigo libreiro no IES de Ames. Durante anos, encargábase de custodiar a biblioteca do instituto. Nos recreos e nas horas non lectivas, alí o podías atopar, dando voltas en liña, sutilmente encorvado, a man dereita suxeitando algún papel que lía mentres camiñaba e a esquerda refuxiada nas costas, á altura da cintura. O desfile tiña o seu propio compás, unha cadencia rítmica só interrompida para manter a orde cando o nivel de decibelios se descompensaba. Non levantaba a vista do papel nin cando lle tocaba dar a volta, acción que obraba cunha admirable coreografía rotatoria sobre os seus zapatos altos de pel marrón. Neses xiros percusores eu cría intuir unha historia que non fun quen de comprender ata coñecer o seu pasado bibliomariñeiro: do mesmo xeito que ás veces regresamos ás comidas das avoas para darlle un mordisco de nostalxia á infancia, Trigo daba voltas na nosa biblioteca para volver facer un pouco a mili. A memoria muscular quérenos levar sempre onde fomos felices. Quen podía imaxinar que a cabeza de Trigo, tan perdida como parecía nas súas lecturas de paso castrense, estaba a evadirse dos nosos rebumbios pubescentes en busca do primeiro abrazo a Emma Bovary. (Sempre hai unha Emma Bovary á que volver.)
O mesmo libro, a mesma clase: a mesma literatura. As entradas de Vóos diarios son unha colección de bonsais que o autor mima paciente, coa súa sutil floración, mentres viaxa polo pasado. Tamén o tempo pasou por este alumno/lector. Se Trigo presenta o libro por Santiago, heime de achegar para contarlle, todo pimpante, que o meu fillo de seis meses empeza a remexer polo caixón da fonética, pero que en vez de «ma» o bucle silábico no que anda mergullado é «pa». A ver que lección me extrae o mestre.
